Bretemario
Día 102 Cando agora dou en mirar pola xanela que tanta compaña me fixo nestes últimos meses de viaxe, só vexo tras dela a mesta brétema que se extende polo val, privando aos meus ollos de contemplar a acolledora paisaxe de outono. Isto, pensa o meu canso maxín, non é máis ca triste vitoria da nada, ou como todos os seres se foron rendendo lentamente ao esquecemento e, deste xeito, comezaron a se difuminar, a confundirse entre eles cambiándose os nomes, a non recoñecerse na opacada reflexión do mar, a sumirse no escuro pensamento de que non eran nada...Ata que, certamente, nada se puido observar dende a miña aínda clara fiestra. Porén, replica a outra parte da miña cabeza (que xa estaba a durmir, escribir a altas horas non lle agrada), tamén cabe a posibilidade de que toda a brétema que observo viva ao meu redor, facendo que comece a me difuminar e a confundir a paisaxe e non ver a través da escurecida imaxe do mar, podendo chegar a crer que realmente nada son ou nada é o que me rodea ...