Bretemario

Día 102
Cando agora dou en mirar pola xanela que tanta compaña me fixo nestes últimos meses de viaxe, só vexo tras dela a mesta brétema que se extende polo val, privando aos meus ollos de contemplar a acolledora paisaxe de outono. Isto, pensa o meu canso maxín, non é máis ca triste vitoria da nada, ou como todos os seres se foron rendendo lentamente ao esquecemento e, deste xeito, comezaron a se difuminar, a confundirse entre eles cambiándose os nomes, a non recoñecerse na opacada reflexión do mar, a sumirse no escuro pensamento de que non eran nada...Ata que, certamente, nada se puido observar dende a miña aínda clara fiestra. Porén, replica a outra parte da miña cabeza (que xa estaba a durmir, escribir a altas horas non lle agrada), tamén cabe a posibilidade de que toda a brétema que observo viva ao meu redor, facendo que comece a me difuminar e a confundir a paisaxe e non ver a través da escurecida imaxe do mar, podendo chegar a crer que realmente nada son ou nada é o que me rodea ou nada é nada e que ben nada a nada certamente. Mais axiña conseguen ambos maxíns saír deste último pensamento, pois se nada se é o que aquí está escrito difuminado quedaría coa miña brétema interior, e entón ninguén podería lelo...E, realmente, quen o le?
Agora a través da miña xanela estas verbas comezan a difuminarse coa paisaxe...Nadarán?

Post scriptum: soio a brétema quedará fóra do faiado se a choiva volve a escribir o seu poema no tellado das memorias, sempre e máis dispóis (ehhhhhh, si).



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)

A vitoria de Atlas

Un xoves na habitación...