Ter sobrevivido ou estar a iso máis ben
Tumbada na cama, o mundo semella máis sinxelo. Dende ela, todo o espazo queda reflictido na comodidade do colchón que soporta a miña pesada columna vertebral e as cousas que, co paso dos anos, se foron acomodando ao longo dela formando o meu derrotado corpo. Así, os cúmulos de papeis que imploran a atención dos meus ollos transfórmanse en suaves nubes estáticas que decoran de xeito case permanente o meu cuarto; os avisos parpadeantes de novas mensaxes no meu teléfono asemellan estrelas fugaces no teito; e a roupa que fica sen dobrar recorda aos meus múltiples bonecos infantís, agardando pacientemente por unha mostra de afecto. Tumbada na cama, o mundo semella máis sinxelo...Pero non o é. Ao pensar isto, abro alarmada os ollos, que nun primeiro momento son incapaces de enfocar a nova sensación de tensión sobre a madeira picada do teito. Collo algúns azos e, antes de moverme, esbirro fortemente atacada pola acumulación de po, o que fai que as cordas da guitarra que tiña ao meu c...