Ter sobrevivido ou estar a iso máis ben

 

Tumbada na cama, o mundo semella máis sinxelo. Dende ela, todo o espazo queda reflictido na comodidade do colchón que soporta a miña pesada columna vertebral e as cousas que, co paso dos anos, se foron acomodando ao longo dela formando o meu derrotado corpo. Así, os cúmulos de papeis que imploran a atención dos meus ollos transfórmanse en suaves nubes estáticas que decoran de xeito case permanente o meu cuarto; os avisos parpadeantes de novas mensaxes no meu teléfono asemellan estrelas fugaces no teito; e a roupa que fica sen dobrar recorda aos meus múltiples bonecos infantís, agardando pacientemente por unha mostra de afecto.


Tumbada na cama, o mundo semella máis sinxelo...Pero non o é. Ao pensar isto, abro alarmada os ollos, que nun primeiro momento son incapaces de enfocar a nova sensación de tensión sobre a madeira picada do teito. Collo algúns azos e, antes de moverme, esbirro fortemente atacada pola acumulación de po, o que fai que as cordas da guitarra que tiña ao meu carón desprendan un leve son de agónica resposta. Érgome.


Tumbada na cama, o mundo semellaba máis sinxelo. Agora, fóra dela, os cúmulos de papeis fanse choiva e caen sobre as miñas torpes mans; as mensaxes torturan os meus adurmiñados oídos e a roupa impide o avance dos meus lentos pés. E, no medio destas batallas cotiás, as miñas pupilas dán en fite coa comodidade do morno colchón. E, outro día máis, decido caer na confortable atracción do fracaso e ollar todo dende a calor das mantas que acababa de remexer.


Tumbada na cama, o mundo semella máis sinxelo.

Volvede mañá.


PD: os recordos precisan un descanso. Mais ficade eiquí, algún día as verbas han de se decatar do que hai fóra dese confortable fracaso...Paciencia.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)

A vitoria de Atlas

Un xoves na habitación...