Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)
Estas follas virtuais están permanentemente manchadas polas verbas que escribo e borro, unha e outra vez. Malia que a simple vista non se vexa, este teléfono ten memoria de todo o que nesta páxina se escribiu antes de mostrar o texto definitivo: todos os fonemas que conxuguei en van e todas as ideas que desbotei e que levarían este texto de seguro por outros camiños. Pensándoo ben, este dispositivo tivo nalgún punto acceso a esa información e é capaz de ver a tempo real todos os meus erros, as miñas dúbidas, o que considero que é válido e o que non. Recorda iso? Coñéceme? Sabe da tristeza que plasmo ás veces, das miñas frustracións que dou en repetir unha e outra vez en todo o que escribo? Sabe do meu entusiasmo pasaxeiro, das cousas que me dán ledicia e que me empuxan a querer seguir a esforzarme? Sabe do amor que sinto con tanta intensidade? Dalgún xeito, é certo: estou forzando estas páxinas a recordar. Recordar todo o que son, todos os proxectos que, inda sendo desbotados, com...