Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)

Estas follas virtuais están permanentemente manchadas polas verbas que escribo e borro, unha e outra vez. Malia que a simple vista non se vexa, este teléfono ten memoria de todo o que nesta páxina se escribiu antes de mostrar o texto definitivo:  todos os fonemas que conxuguei en van e todas as ideas que desbotei e que levarían este texto de seguro por outros camiños. Pensándoo ben, este dispositivo tivo nalgún punto acceso a esa información e é capaz de ver a tempo real todos os meus erros, as miñas dúbidas, o que considero que é válido e o que non. Recorda iso? Coñéceme? Sabe da tristeza que plasmo ás veces, das miñas frustracións que dou en repetir unha e outra vez en todo o que escribo? Sabe do meu entusiasmo pasaxeiro, das cousas que me dán ledicia e que me empuxan a querer seguir a esforzarme? Sabe do amor que sinto con tanta intensidade?

Dalgún xeito, é certo: estou forzando estas páxinas a recordar. Recordar todo o que son, todos os proxectos que, inda sendo desbotados, completan o bocexo de min mesma. Recordar as miñas emocións instantáneas, a miña visión deste mundo cambiante. E algún día a obsolescencia fará que teña que abandoar este dispositivo, xa apagado por unha vellez programada. E entón este retrato que forcei a entrar na súa memoria quedará abandonado en salas baleiras, coma se fose unha casa que se deixou con todo o mobiliario dentro. As verbas que borrei e as que non ficarán olvidadas nun recuncho dunha memoria inservible, que foi condenada a repetir a miña historia durante a súa existencia breve e fútil.
Dalgún xeito, estas follas virtuais están manchadas coa memoria do que borro e escribo. O retrato do que son neste recuncho séguese a completar con cada verba que engado. Acabarei deste xeito este relato que, a verdade, non fun capaz de levar exactamente por onde quería, pois a idea de inspiración fáiseme extraordinariamente complexa. Porén, estou feliz de ter intentado plasmala neste recuncho perdido.
Agardo que o recordo que teña esta máquina de min sexa, dalgún xeito, doce e levadeiro, e que das salas que queden abandoadas na obsolescencia do producto sigan a saír verbas de amor e de esperanza.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A vitoria de Atlas

Un xoves na habitación...