Agárdame no carballo (día nove)

Nese momento xusto, apareceu. Chegou onde ambos acostumaban se reunir cando aínda as súas cabezas non batían contra a baixa póla do carballo. Daquela, o máis normal era que el chegase tarde, ocupado como estaba no traballo familiar que lle impoñían no verán e que tan a desgusto facía, obrigándoo sempre a dar avergoñadas desculpas ao seu compañeiro que, porén, o agardaba cunha pracenteira calma deitado sobre esa póla baixa contra a que as súas cabezas aínda non batían. Mais agora, tantos anos despois, voltando a esa esquencida terra á que xa non o unían os lazos familiares nin o traballo estival, decidiu ser fiel por vez primeira a esa aínda rutinaria cita co seu máis tenro compañeiro. E por vez primeira chegou no momento xusto a ese lugar que invadía todas as súas memorias infantís, onde a póla do carballo...Bateu na súa engurrada face, tirándoo no chan cuberto de arume dos piñeiros que arrodeaban a vella árbore e sumíndoo nun breve estado de inconsciencia, onde tornou a maxinar esas tardes co compañeiro: 'Onde estará? Saberá que estou aquí, gostará de verme tras este longo silenzo?' Cando espertou, o seu ollar non se fixou na póla contra que agora si que  batía a súa cabeza, se non no alto dese carballo onde, inmóbil, ficaba pendurado o corpo do que fora o seu máis tenro compañeiro. Antes de que as bágoas conseguisen reaccionar a esa súbita tristeza, unha parte del pensou: 'Sempre será el o que agarde por min'.

PS: Un recordo berra: 'Eu tamén te agardarei' (ehhh,si, é a verdade).

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)

A vitoria de Atlas

Un xoves na habitación...