Ao chou_2 (día once)
Palabras: teatro, lámpada, salgueiro, tempestade, limpar, tarxeta, caras, cocteleira
Non pretendo aquí, baixo este salgueiro, calmar a escura tempestade que amosan as vosas derrotadas caras. Abondo o facían eles cando, pola rúa abaixo, comezaban a esbardallar unha donda retaíla de palabras de afectada compaixón polas almas dos nosos e de animosa esperanza para os que aínda ficabamos en pé. Ben vos sei que moitos gardades aínda as tarxetas que lanzaban desde o seu rechamante vehículo, esas que clamaban unha pronta vitoria contra os noxentos inimigos. E chegou a vitoria, abofé que chegou (ben o sabedes); mais non sobre os noxentos inimigos, senón sobre os que eles, esbardallando bébedos pola rúa, chamaban dese xeito. Tarde acendemos a lámpada da razón, esa que nos deixou ver a aqueles miserables chuchar o sangue dos nosos na súa luxosa cocteleira de mentiras, esa que nos avisou de que a escuridade seguiría ao noso carón mentres non conseguiramos limpar o noso pobo dos que estaban a esbardallar dondamente pola rúa. Dos que seguen a esbardallar dondamente pola rúa, neste teatro tráxico que mantén nas vosas caras unha escura tempestade. E eu xa volo dixen, non pretendo hoxe calmar a mesma. Eu hoxe veño a facer sopa de caracol. EI! (Discurso da Panorama, a 25 de agosto de 2032).
PD: Ai, que calma inocencia destes recordos, que ficaron gustosos con tan enganoso concerto! (eeeh, si, grazas ao xerador de palabras por tanto)
Comentarios
Publicar un comentario