Aochou_3 (día dezaseis)
Palabras: inferno, gasa, garfio, cruz, detonador, tremor, proxectil, espiga (vaia palabras máis turbias xedé)
Comprendín o que era o inferno o día no que atopei a miña pequeña boca pechada forzosamente cunha gasa silenciosa que me segue a afogar aínda nesta mesma escrita. Cando, en tentando ver o mundo fóra da sucesión de monótonos e edulcorados debuxos presentes na televisión do meu fogar, os meus ollos infantís caeron sobre una demacrada poboación ao ritmo que o facía ese mortal proxectil que a destruíu. Cando, camiñando pola rúa, vin asustada o tremor dunhas moribundas mans que nadie máis daba en ver. Cando, estudando aqueles malvados piratas que maxinaba divertida co seu ameazante garfio, dei en me decatar de que a verdadeira perfidia estaba naqueles que negaban aos humildes aldeáns as espigas que tan arduamente recollían para faceren o pan co que se manter. E, como se o meu maxín premese por vez primeira ese detonador irado que levamos dentro, berrei contra todo para dar a coñecer as inxustizas que se negaban de xeito case mecánico. E foi entón, nese triste momento, cando sentín unha gasa férrea apertarse violentamente nos meus berros, reducíndoos apenas a un bisbexo que ficou silenciado nunha sociedade chea de xente que, de seguro, tamén levaba eses mesmos berros presos. E aí dei en pensar no inferno e díxenme derrotada: 'O inferno non é una cruz que se leva na eternidade. O inferno é a cruz eterna dos que viven silenciados neste mundo'.
PS: Nunca lle faltou a estes meus recordos un pensamento pola triste realidade…(ehhh, si, é bo non calarse).
Comentarios
Publicar un comentario