Discusións co meu soporte de escrita (día seis)

Hoxe cheguei tarde como todos os días, mais foi a primeira vez que me falou. Miroume de reollo, como acostuma mirar sempre que quere evitar un violento contacto persoal e díxome agriamente: 'Chegas tarde'. Un absurdo apuntamento ao que eu, de xeito indiferente, respondín: 'Pois como todos os días'. E pechouse. Caeu da mesa e puxo a súa testa plana sobre as teclas coas que eu pretendía facer un relato (coma sempre) tardío, xurando con tanta violencia que mesmo a televisión tivo que pór un documental dos do serán para se tranquilizar. E deixoume sen escribir, negándose a permitir que outras verbas miñas aparecesen na súa aínda nova pantalla ata que me presentase no noso cuarto á hora acordada (que, a dicir verdade, nin sequera recordo cal era). Por sorte, o ordenador vello, en vendo a nosa acalorada discusión, prestouse a que eu fixese o meu traballo sempre e cando relatase esta historia como constancia da miña deplorable actitude cara o meu portátil e esta páxina na que diariamente escribo. Así que, ordenador meu, se por casualidade dás hoxe en abrir esta nova entrada e ficas sorprendido pola existencia da mesma, as miñas máis sinceras desculpas. Mañá á hora acordada, non si?

PD: No faiado tamén hai horarios praos que eiquí moramos. Mais, ao final, son os recordos os que deciden cando queren saír, non? (ehhhh,si, debería escribir máis cedo, deixémonos de excusas)

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)

A vitoria de Atlas

Un xoves na habitación...