Recomeçar (día un)
Borrei todo e voltei comezar. Realmente, poucas veces se nos brinda ese privilexio: reparar no feito co habitual desprezo e, vencendo a crecente impotencia ante o decepcionante traballo, dicir: hoxe si podo melloralo, isto pode cambiar. E borrar todo de súpeto, ollando con pracer como se esvaece da memoria do papel novamente en branco, sentindo como o marmurio crítico da sociedade soa cada vez máis baixo ata tornar nun doce silencio. E voltar comezar, sentindo que as palabras xorden máis rápido pois, malia non saber o camiño polo que están a ir, si saben que dirección é a errada.
Iso foi o que fixen no momento anterior ao comezo deste breve relato, o cal non ficaría aquí se non eliminase con anterioridade as verbas que o precedían e que conformaban unha historia ben distinta da que estou a contar na actualidade. E agora ti, que estás a ler isto, preguntaraste cales serían esas palabras que con tanta raiba mandei a se perder no esquecemento. E eu, non sen certa vergoña, admitirei que xa fican no meu propio olvido, só restando na miña cabeza a sensación de noxo (literario) que me produciu a súa lectura. E que pensar entón? Verdadeiramente foi boa idea eliminar a constancia dos meus erros, o único que me podería axudar a mellorar esta escrita? E se este súbito esquecemento está a facer que repita o pretérito relato sen me decatar? Houbo entón un relato anterior a este? Querido lector, eu non sei como acabar isto (outra vez?).
A dor do fim vem para purificar
Recomeçar
Recomeçar
PD: O faiado pechouse e hei ficar dentro durante un período de tempo que eu mesma descoñezo. Isto estame a dar a oportunidade de atopar moitas pequenas memorias que, de ter un mínimo de constancia, compartirei diariamente. Quen sabe aínda o que fica eiquí escondido... (ehhhh, si, isto é unha proba da propia pereza).
Comentarios
Publicar un comentario