Cambiando o relato ( Verbasamigas_3, día trintatres)
Cidade, xeringa, margaridas, pulmón, condón, frío, bico, chincheta
Como chegou aquí? El mesmo tamén fica sorprendido, ben sabe que este non é o relato no que lle correspondería estar. Aínda agora é quen de recordar confundido as verbas que o seu escritor dixo antes de pór o lapis sobre o vello papel onde se ía ver debuxado. Onde ía ser creado...
'Nacerá nunha gran cidade. Somentes será recibido polo frío dunha xa natural aglomeración impersoal e polo baleiro da temperá morte do seu proxenitor, aquel que profesaba máis amor pola súa xeringa que pola famenta e numerosa familia que deixaba cada vez que esa mortal chincheta entraba no seu corpo acorchado. Así, crecerá na continua sombra desa (desta) sociedade, un polucionado pulmón que permite vivir morrendo a cada intre, sen máis compañía que o triste estímulo que lle produce nas veas a herencia do seu pai...'
En verdade, a súa historia non lle agrada. Por que tiña que ser un froito dunha relación sen condón dun ionqui esquencido? E por que iso o ía privar do seu natural dereito coma personaxe ficticio a ser feliz? El quere vivir tranquilo nunha pequena casa nun val perdido e ver, ao espertar, un inmenso campo de margaridas dun verán perenne; adicarse a correr dunha montaña a outra, seguido de nenos rebuldeiros cos que vivir aventuras sen fin (escrito). El quere poder recibir un bico...
'Xa recordo por que estou aquí' escribe silandeiro nun retallo do meu papel. 'Eu fuxín desas follas, dese destino terríbel de novela negra. Agora que xa sabes o que quero, podes escribir a miña historia? Escríbesme?'
Veña, vale, vou agora, agarda un chisco.
PD: vaia, os recordos nunca tal cousa viran, están a conversas co personaxe? Pero, como? Quen é realmente (eeeh, si, baleiro legal supoño).
Comentarios
Publicar un comentario