Luces de Cospindo (pra facer o paralelo con Bohemia pero chamádeo O Couto, día trintasete)
Na aldea de en fronte, as quedas luces alumean dúas veces. Invaden así os espazos libres que na rúa nocturna deixa o Sol, combatindo feramente unha escuridade que ameaza sempre con ficar naqueles lugares nos que naturalmente habitaba a pasada eternidade, ata que o novo mencer comunica aos durmidos veciños a nova vitoria pasaxeira do ser humano. Mais, coma se este logro non conseguise encher os seus orgullosos ollos de vidro, deixan tamén escapar raiolas da alegre vila, sumerxíndoas na mansa quietude da ría e trasmitindo un vago recordo do seu brillante fulgor terreal. E así permanecen, como estrelas dobremente artificiais, enchendo o firmamento da nosa cansa vista ata que algún pequeno botón perdido considere que xa é hora de comezar o novo día e lles deixe rematar a súa ardua loita. Porén, mentres isto último non aconteza, poderemos seguir ollando esas vagas reflexións marítimas e, contemplando extasiados a beleza desta simbiose, preguntarnos: Meu, a que día tamos hoxe?
Comentarios
Publicar un comentario