No escuro (día vintecinco)

Mirando pola xanela a paisaxe escura somentes se ven sombras dun lugar que creo coñecer. Intúo, neses escuros obxectos que resalta a pouca luz dunha tímida lúa que se amosa entre as nubes, as falúas que están a durmir mansamente abaladas polas mareas da ría, as árbores que protexen con amor a privacidade das brancas praias de area fría por falta de contacto, as chemineas fumeantes dun vecindario que aínda non superou o pasado inverno. Mais, que pasa se non é iso realmente o que amosan esas sombras da escura paisaxe que estou a ollar? Que acontecería se esas falúas non durmisen sobre a ría que coñezo, se non fosen árbores as que  están a protexer a area fría ou se non houbese area fría que protexer? E se, aquelas chemineas que seguen neste eterno inverno, expiran o fume doutros veciños (que entón non serían veciños... ou si?). E se, nestas informes sombras, estás ti ollando perdidamente a sombra da miña cheminea?
Se así for, mándoche saúdos, compañeiro extraviado nesta escura e longa noite (de pedra?).

PD: os meus recordos tampouco ven nada entre tanta sombra, mais eles berran: acende a luz!!! (ehh,si, pero así non podo maxinar a miña paisaxe…).

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)

A vitoria de Atlas

Un xoves na habitación...