No faiado do faiado (día trintanove)

Eiquí estou eu, onde todo isto comezou. Agora, sentada no frío chan de madeira vella e comesta polos insectos, podo observar a cadeira mal amañada sobre a que, sentada comodamente (cando se podía facer iso), escribín as primeiras verbas que se atopan neste perdido espazo, cicais máis perdido aínda que o propio lugar onde me atopo. Escribíraas entón sen moito argallo, proxectando nelas os poucos pensamentos que non adicaba ao lecer do estío e tentando obrigar á miña cabeza a establecer un pequeno compromiso con algo que, porén, estaba certa que ficaría no meu olvido persoal como antes ficaran tamén os recordos que aquí atopei esa tarde morna. Mais, contra ese prognóstico incial, sigo aquí, retomando outra vez a escrita das memorias que seguen a atoparse neste espazo e que me sorprenden a cada ollada que cae sobre todos os obxectos que o conforman. E hoxe, precisamente, esta atopouse coa cadeira onde todo isto tivo o seu comezo. A primeira memoria dun vello faiado...

PD: pois si, así che naceron estes recordos...Ai, como che me crecen (ehhh, si, momento dramático).




Comentarios

Publicacións populares deste blog

Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)

A vitoria de Atlas

Un xoves na habitación...