O fío poético (Doarquivo_10, día trintaseis)
O FÍO POÉTICO (Ou a peor escolma vangardista recollida ata o momento)
Versión pirateada.
TRACK 1. SONATA MARÍTIMA (ft. Laura Sanmartín)
O ruxe ruxe dun océano en calma
Adurmiña os nosos pensamentos
Cantando melodías que
Tempo atrás
lle ensinaron as sereas.
E di así:
“Banana eo!
Banana eo!
Banana eo eo
Banana eo!”
O océano
Semella ter aires do Caribe
TRACK 2. MAZARELOS EN BENIDORM
Os vellos muros da cidade
Tamén queren xubilarse.
Mais os novos non aproban
As oposicións.
O Imserso terá que agardar…
TRACK 3. BRILÉ
Todos somos estrelas
Perdidas no firmamento
Que deixan no esquecemento
A quen non quere
Brilar.
TRACK 4. A COZ DE GALICIA
NOTICIARIO DO S. XIV
Onte, contra a noitiña
Concedéuselle ao excelso
Martín Códax
Un doutorado en física
Polo seu estudo sobre as ondas
do mar
de Vigo.
TRACK 5. SOBRE O USO DE ESPECIES INVASORAS
Sementar sementarei
Loguiño de clarear
E tanto no pobo medre
Un eucalipto
Un piñeiro
Ou un xuncal.
TRACK 6. IN NOCTEM
De noite
Os poetas
Deixan repousar as verbas
No silencio do estrelado firmamento.
Descansar
É necesario para todos.
TRACK 7.TEMPUS FUGIT
Xuntaría verbas fermosas/
Espiría a miña alma/
Escribiría risos de grafito
e bágoas de tinta/
Faría, pois, un bo poema.
Mais hoxe non.
É tarde.
Esperarei a un día
No que o tempo
Deixe respirar
O meu reloxo.
TRACK 2.OS EUCALIPTOS (Versión reducida)
Breogán!
Se puxeses o espertador
E acabases co teu sono
Perderiamos un himno
E gañariamos unha lingua.
AGRADECEMENTOS E FINAL
Queríalle agradecer
Á autora destes poemas
Toda a axuda que supuxo
Para a composición dos mesmos.
E a vós, grazas tamén
Por lelos ata o final
Aínda que os adquirísedes ilegalmente.
(Hai que ser legais!).
REPETIR DENDE O COMEZO // SAÍR //CONSEGUIR A VERSIÓN PREMIUM //
Comentarios
Publicar un comentario