Resultados dunha primeira lectura a Celso Emilio (Doarquivo_11, día corentadous)

Deixouse caer nun pequeno recuncho da sala. Collendo azos pra volver a erguer a súa derrotada cabeza, preguntoulle nun bisbexo:-Que é a verdade?(Pausa.)-Realmente pouco máis ca unha verba. Valiosa, porén. Non erro ao dicirche que se a vendesen na praza de Abastos saería máis cara que calquera gran partida de percebes, malia causaren estes últimos un maior desfrute . E é que, ademais de valiosa, tamén é amarga. Amarga si, coma os froitos dos limoeiros que teñen os meus veciños no xardín e dos que, tras me espiñar pra coller algún, zugaba desagradado o seu brillante zume. Iso é a verdade.Resignado, volveulle insistir:-E mañá...Que será a verdade?(Ollada longa.)-Mañá será unha verba distinta. Quizais menos cara que os percebes ou máis amarga cós limóns, pero distinta. Ninguén cho pode dicir...(Pausa. Ollada longa. Pausa.)As verbas máis fermosas son as que nacen na realidade do hoxe. Emprégaas, rapaz.As cadeas que lle ataban o corpo romperon na súa cabeza cun xordo golpe de liberdade. Sentado na longa noite de pedra, comezou a escribir sobre a verdade do seu tempo.


PD: os recordos, coñecerán a verdade? Dende logo a de hoxe non, eles viven no pasado...(ehhh, si, quen sabe).

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)

A vitoria de Atlas

Un xoves na habitación...