Un mesías con cita no dentista (Titulo para un Aochou_4 porque me gustaba, día vinteseis)

Palabras: desexo, caderno, empastar, funil, escribir, maldade, xanela, mina

Se este mundo non ten maldade explícame por que teño que empastar as moas. Ou, mellor, explícame por que eu podo (ao meu pesar) someterme a esa intervención dental e, porén, outras persoas teñen que cargar coa punzante dor de ter un dente a podrecer ata que este decida arrincarse da boca que estaba a torturar. Claro que ten maldade, inocente compañeiro. Mesmo agora, se deixas de escribir nese antigo caderno as palabras que estou a liberar da miña gorxa e reparas no cadro en movemento que se presenta embaixo da túa xanela, decataraste da existencia dunha gran cantidade de inxustizas que, de non buscalas, pasarían diante dos teus ollos cunha  naturalidade escalofriantemente cotiá. Non desexo con isto que abandoes as túas ideas cargadas de sincero optimismo, mais si me gustaría que depurases esa visión de mundaneidade fantástica, sometendo ese concepto ao duro funil da vida fóra da burbulla do fogar. De non facer isto agora, acabarás experimentando traxicamente  un choque violento coa mesma, podendo entón resultar gravemente ferido por mor da túa infantil negación do evidente como me pasou a min cando entrei, cheo de ilusións, a traballar naquela escura mina que queda nas afora desta naturalmente inxusta cidade… Mais, ei! Abonda de reflexións, imos chegar tarde á cita co dentista! Ai, o empaste, o demo do empaste...Se este mundo non ten maldade explícame por que teño que empastar as moas. 


PD: Os recordos non teñen dentes, pero cando queren ben que morden! (ehhh,si, tamén poden ter fame).

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)

A vitoria de Atlas

Un xoves na habitación...