Canso, mais non como en Cuba (Aochou_7, día setentacatro)
Palabras: vestiario, mortos, compoñer, rifle, estómago, Cuba, sufrir, atragantarse
Non tivera estómago para facer o que lle mandaran, por iso agora se atopaba así. E como é así, preguntaredes vós non sendo capaces de velo (cun signo de interrogación seguramente); ao que eu, ollándoo como agora mesmo o estou a facer a través desta páxina, contestarei que canso, mais non como cando tornou a súa habitación polo amencer tras percorrer as oníricas rúas nocturnas de Cuba, senón con aires de pesadume, ocultando a súa natural rebeldía na resignación derradeira que se sinte ao atragantarse coas verbas que estaban a sufrir cautivas no seu alto peito. E todo por non ter estómago, por iso se atopaba alí. Alí, (como nova resposta as vosas silenciosas dúbidas), nos escuros vestiarios do cuartel, mentres o seu benquerido compañeiro saudaba a súa pálida testa cun gran rifle, aquel co que eles o obrigaran (ao seu amigo non houbo falta de darlle orde) a derrubar o defunto que ficaba durmido nos seus pés. Mais el dixo que non, que non tiña estómago para iso. 'Mira que te matamos' dixeron. 'Mira que te mato eu' dixo o seu sorrinte compañeiro. Pero nada, que non era por caridade, que el realmente non tiña estómago para iso, que non o ía facer. E así se atopaba (canso) naquela última situación, agardando que as campás do seu lugar puidesen compoñer unha bonita cántiga para dous dos moitos mortos que comezaba a haber naquel perdido lugar.
PD: ben máis lle valía a estes tristes recordos ter ficado en Cuba..(ehh,si, triste aleatoriedade).
Comentarios
Publicar un comentario