Carreiro abaixo, de seguro (día corentaoito)

Foise paseniño polo carreiro abaixo, ollando sen reparo os seus magoados pés mentres pensaba se existía algunha posibilidade de que outro viandante asegurase que el estaba indo carreiro arriba. ‘Vou de arriba cara abaixo’ pensaba ‘Iso será sempre así para todos os que me ollen neste pequeno espazo, non habendo forma de reverter a miña marcha...’.E así seguiu descendendo, desenvolvendo calmo esa teoría sen reparar no mundo que se movía freneticamente ao seu redor e que o buscaba desesperado a cada intre. Por que estaba a ir carreiro abaixo?
Clic. Alguén sacou unha instantánea. Ao bulebule do seu pensamento chegou entón o recordo que estaba tentando esquecer, ese polo cal decidira emprender ese desesperado descenso. Clic. Pum. Disparos á mañá cedo...
...
-Que pasou?
- Matáronos, a todos! Non quedou naide nesa casa! Matáronos!
- Deus meu, como non o sentimos! Quen foi, mighiña, quen foi?
- Foi el, todos o sabemos. Está tolo. Collédeo,  por favor. Foi el!
(Eu? Non, eu non)
-Collédeo! Matádeo!
(Que eu non fun! Viña do prado aquel...)
-Está correndo, vai escapar! Non!
-Merda, merda. Para, para!!!
...

Non fora el? El dicíase unha e outra vez que non mentres corría a fume de carozo, a sabendas de que a foto que lle tiraran chegaría en breves a todos os medios. Mirando os seus rápidos pés, deixou escapar un sorriso mentres pensaba:
‘Poderán dicir que os asasinei a todos, mais nunca negarán que sigo a ir carreiro abaixo’.


PD: uii, os recordos están a dubidar tamén (eeeh,si, resta a presunción de inocencia).

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)

A vitoria de Atlas

Un xoves na habitación...