Intecionalmente inconcluso ou confusamente rematado? (Doarquivo_17, día sesentatres)

O caderno estaba baleiro cando o atopei.

Detrás da súa delicada portada, feita seguramente a man pola orixinalidade que  amosaba, atopábase unha sucesión repetitiva de páxinas en branco. Esta  brancura , xunto co arrecendo característico que desprenden as follas virxes, provocou en min unha indescritible sensación de asombro. E é que, malia todo, eu  sabía que alguén empregara ese caderno.Coñecíao.

Sentábase todos os días nunha alta pedra do outeiro que eu frecuentaba no meu paseo do mediodía, sendo a esta hora o momento no que se producía o encontro.O seu corpo, de forte complexión e xeralmente relacionado co adxectivo grande, aparecía sempre arqueado cara os seus xeonllos,acadando así unha postura defensiva.Da súa face ( que aparecía normalmente agochada tras unhas longas guedellas negras) só lle puiden albiscar uns grandes ollos dun intenso verde, que se deixaban ver a través do pelo. Porén, o máis remarcable da súa persoa eran os compulsivos xestos que realizaba, típicos dunha persoa ao borde dun ataque de nervios.Sempre cun lapis na man, o rapaz fendía os seus brazos nos xeonllos e adoptaba unha actitude pensante, que rompía a miúdo   para dar violentos golpes contra a pedra ou para tentar arrancar os seus longos cabelos.

Unha vez, asustada por eses accesos rabiosos, subín ata onde el se atopaba e ofrecinlle a miña axuda. Foi  entón cando o rapaz  me ensinou o caderno e respondeu, cunha voz grave e tranquila:

-Soamente  estou escribindo, iso é todo. Non ten por que preocuparse.

E ,despois diso, retornou a súa actitude habitual.

PD: Os recordos xa non lembraban a intencional confusión que isto producía...Curioso (eeeh,si?).

 

 

 

 


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)

A vitoria de Atlas

Un xoves na habitación...