Visita á Terra Chá (día cincuentadous)


‘É esta a flor
Da guerrilleira
Da Terra Chá
(Terra Chá, Terra Chá...)
É esta a flor
Da guerrilleira
Morta pola libertá?’

O Leo (sobre lenzo hehe xedé)


Son consciente de que erguerse de súpeto na Terra Chá debe producir un gran estado de confusión para unha persoa que non é residente habitual desas terras ou que, de selo, non pasou a anterior noite alí.  Mais tamén sei que é nese momento, mentres comezas a camiñar desorientado por esa soedá entre os pobos de aquí e de acolá, cando te debes decatar da loita na que activamente has de  participar, vendo no inmenso terreo miles de leitos doutra xente que alí se tivo que deitar, resignados, como flores ás que se lles arrincou violentamente a súa efímera primavera. Vendo eses rostros esvaídos, esquencidos da popular memoria, debuxar no seu rostro a túa face, recoñecéndote así en cada unha desas tristes historias, sentindo a súa saudosa rabia correr polas túas veas. E así é como, xa plenamente consciente, has decidir coller as súas valiosas armas, esas que deixaron coa esperanza de que acordases (de que acordásemos) buscalas, esas que che permitirán comezar así a túa batalla cotiá contra o esquecemento do pobo polo pobo: as verbas. E espertas...
Son consciente de que isto debe confundir, en definitiva, mais non vos confundades: así é como nacen os nosos derradeiros guerrilleiros.

PD: os recordos tamén irán a Terra Chá, gostan moito de visitala! (Eeeh, si, o faiado está en loita).

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)

A vitoria de Atlas

Un xoves na habitación...