Tres historias no (case) comezo do outono (Aochou_8)

 Palabras: lavadoiro, ferro, ciprés, croquis, marmelo, ciclón, toalla, histriónico

Sentada á beira dun ciprés, sentiu chegar a primeira brisa do novo outono. Os seus cabelos loiros xogaban coas follas da súa mesma cor que, vendo a fin inevitable do seu remanso estival, rebelábanse por derradeira vez contra o frío chan onde lles agardaba a morte. ‘Quizais iso é demasiado poético’, pensou ela levantándose do banco onde o sol xa non amosaba as súas raiolas e remexendo os cabelos para desfacerse desas breves mártires da transcición cara o inverno.


...

‘Quen vexa a esa rapaza así, figurarase que está a escapar dos violentos ventos que traen a esta illa os ciclóns que con tanta frecuencia nos visitan’...

Deixou de mirala. 

Volveuna a mirar. 

...‘Olla pra ela, remexe os cabelos como unha tola, pra sacar deles unhas follas que caerían dunha maneira totalmente natural se non as estivese a enredar máis neles. Dende logo, ten que posuír un carácter ben histriónico’. Comezou a sorrir ao recordo da última palabra, mentres limpaba a toalla do fillo máis novo do ricacho para o que traballaba no lavadoiro comunal. Coa ollada perdida no mar de setembro, suspirou: ‘Ai, que tan bo sería estudando e aquí estou, camiño a pasar o ferro. Se tivese cartos daquela...’

...

No exterior deste gastado papel, remato o croquis deste relato mentres observo ao criado correr cara a gran  mansión na que traballa á mesma beira do mar (silencio dos de Costas na construción da mesma) e á rapaza loitar desesperadamente contra esa poética chegada do outono. E, como o outono está a chegar, a historia ten que se cerrar cun bo prato de queixo con marmelo. Que vos aproveite!

PD: no faiado agárdase esa suave brisa... Ai, que boas memorias ha traer!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)

A vitoria de Atlas

Un xoves na habitación...