Diario dun breve espazo do día, titulado ao día seguinte
DÍA UN, 23:15
Esta escrita é só un intento máis de expresar o que intento ser. Digo intento porque non o son, e de aí que agora fiquen no papel estas verbas. E cantas veces as teño empregado neste mesmo soporte...
(...)
DÍA UN (pero con paréntese), 23:19
(Ti non o podes saber, porque só os meus dedos coñecen o que están a borrar. Miña cabeza sabe o que pensa, pero non recorda o que borra. E é tanto a borrar...)
...
DÍA UN (de novo sen paréntese... Merda.), 23:24
Borraría todo o que eu son? De facelo, tampouco daría para unha hipérbole....Pero non, non o faría. Antes que valente, son covarde.
...
DIA UN, 23:44
De borrar algo, sería a envexa. Corre por dentro do meu corpo coma un dos ratos que habita o antigo cortello da nosa casa, enchéndoo dun veleno que seca a miña boca e endurece o meu perdido ollar ao mundo. E entón sinto noxo, non polas persoas sobre as que recae o meu sentimento, senón por min mesma. Son egoísta ata para iso, que se lle ha facer.
(...)
DÍA UN, (volta aos parénteses), 23:50
(Frústrame o feito de escribir coma un impulso da propia frustración, supoño que era esperable. Ti sabes que eu son esperable... Por que me esperas?).
...
DÍA UN, 23:53
A esta escrita non lle resta moito tempo, pois o día está a acabar e de facelo antes de que remate o texto perdería a pouca graza que pode ter. Sempre escribindo ás carreiras... Non existía o freno da man?
...
DÍA UN, 23:57
O meu peito négase a parar de escribir: tantas cousas das que falar, tantas cousas que borrar.... Mais non, non hei seguir agora. Tres minutos son pouco tempo para cambiar se non se quere.
...
DÍA UN, 23:59
Antes que valente, son covarde.
(Grazas por esperarme)
PD: o faiado leva para reformarse moitos anos e aquí segue. E, ao final, é esa a enteira causa de que existan estas memorias.
Comentarios
Publicar un comentario