O vello enigma (verbas aleatorias!!!)

É xuño. Ás veces gustaríame apagar o pensamento e deixar ao meu corpo comezar a desfrutar do verán, pero por desgraza inda teño traballo que facer.Aproveito porén unha pequena calma para facer un relato aleatorio, non debo perder as costumes que deixei atrás hai dous anos:

Palabras: torpe, aflixir, sacar, bandullo, errar, pasta, dereito

Ao escribir as súas memorias esqueceu do torpe que era a súa man dereita (ou quizais el entendía eses bocexos febles, despois de todo) e compuxo a súa vida nun tomo absurdamente grande de papel de fax; outro obxecto que, coma el, ía restar olvidado no pasado. Rematou e pousou felizmente o seu bandullo de anos sedentarios na cama; e foise entón a súa longa vellez cara outras terras, sentíndose contento de ter deixado unha testemuña escrita do que el tiña sido e das grandes historias que presenciara nos seus 98 anos de vida.
Pero, como xa comentei, era ben feble a súa escrita destra; e todos os relatos que contiñan as infinitas páxinas de fax ficaban inintelixibles para os seus achegados, aflixidos pola incapacidade de ler o que lles quería contar o seu querido vello. Por que non lles tiña pedido axuda? Que querería contar?
O curioso relato da gran historia inaccesible pronto pasou de boca en boca, e a xente comezou a fiar lendas sobre o contido da mesma. Dende terribles profecías futura ata a descrición de fortunas familiares agachadas, as rexoubas erradas atraeron  toda sorte de curiosos a casa do vello. A familia, esperanzada pola interese popular, ofreceu unha recompensa cuantiosa a quen descifrara o faxcímil (haha chiste malo do narrador perdón) e dese cunha forma de entender a grafía.
Os anhelos de pasta fixeron que a peregriaxe a pequena aldea se enchese de toda sorte de criptógrafos, ambulantes adiviños e estafadores que se vían no dereito de reclamar a fortuna para o seu peto. Pronto a propia ruta tomou fama e a aldea comezou a sacar rédito á bizarra anécdota, que por outra banda seguía sen ter resposta que convencese. Pasaron anos e anos e a xente coa que o vello vivira acabou por morrer tamén, e con elas a posibilidade de resolver o renomeado enigma.
Vaia mágoa!



Non, agora en serio, non vou deixar iso a medio acabar. Tempo despois un monxe franciscano que ía cunha excursión do Imserso a Lourdes, reparou na curiosa historia e decidiu achegarse á casa, convertida nun museo en honra ao ancián. Cando viu o documento, tivo unha epifanía divina e viu nesas vellas páxinas de fax as novas verdades que Deus lle conferira ao mundo. E pim pam pum novo punto de peregrinaxe cristiá visca o Papa man que pierda.

PD: aquí o faiado sabe que o vello en verdade era zurdo e obrigáranlle a escribir coa dereita e entón nunca aprendeu a escribir. Agardo que vos gustase a memoria <3

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Follas virtuais (das notas do caderno dixital, 1)

A vitoria de Atlas

Un xoves na habitación...