Palabras: vestiario, mortos, compoñer, rifle, estómago, Cuba, sufrir, atragantarse Non tivera estómago para facer o que lle mandaran, por iso agora se atopaba así. E como é así, preguntaredes vós non sendo capaces de velo (cun signo de interrogación seguramente); ao que eu, ollándoo como agora mesmo o estou a facer a través desta páxina, contestarei que canso, mais non como cando tornou a súa habitación polo amencer tras percorrer as oníricas rúas nocturnas de Cuba, senón con aires de pesadume, ocultando a súa natural rebeldía na resignación derradeira que se sinte ao atragantarse coas verbas que estaban a sufrir cautivas no seu alto peito. E todo por non ter estómago, por iso se atopaba alí. Alí, (como nova resposta as vosas silenciosas dúbidas), nos escuros vestiarios do cuartel, mentres o seu benquerido compañeiro saudaba a súa pálida testa cun gran rifle, aquel co que eles o obrigaran (ao seu amigo non houbo falta de darlle orde) a derrubar o defunto que ficaba durmido nos seus pés...